maio 06, 2015

"Eu imbo, que non teño dentamia"

Arredados dos centros a nosa vida transcorre nas marxes, onde nada se decide e todo é marxinal ( Hai que ter presente que a felicidade habita nas marxes !!). Só dispoñemos do tempo que pasa e non deixará de pasar. O tempo xusto que mide coa mesma vara a nosa estancia "marxinal" e aqueloutra "central". Se cadra imos camiño de algures ou, se cadra, mesmo de ningures ( Ten algún sentido a historia ?) Nese espazo do ren abrimos a boca para invar (ou imbar) os vagalumes que a noite ha parir na escuridade. Esas luciñas de esperanza que escintilan no medio do baleiro e do orballo da noite. As luciñas da esperanza para unha palabra, unha palabra perdida na boca dunha anciana ancaresa que partiu para o alén a finais do século pasado deixándonos esta estraña e anterga herdencia: unha palabra, botada no ar, dita para quen se queira facer con ela. "Eu invo (ou imbo), que non teño dentamia". E agora nós, tirados pola fonda voz que a proferira botámola a andar neste imprevisible mar telemático para que non sexa esquecida. Xa que logo, convidados quedades a invar (ou imbar), mesmo que sexan vagalumes. Serán, se cadra, esas vellas da noite as que agochen a resposta deste misterio que chegado aos nosos días aínda non dixo a súa derradeira palabra.

Ningún comentario: