maio 31, 2015

Alguén así é o Deus en que eu creo

Velaí o título dunha das últimas publicacións do teólogo galego Andrés Torres Queiruga. O libro publicado pola editorial Galaxia en 2012 veu ás miñas mans grazas ao agasallo do benquerido amigo Eduard del Castillo Velasco, catalán de orixe e poeta en lingua de noso. Recollo nesta primeira entrega unha reflexión que nos achega Queiruga neste ensaio e que, eu penso,  todo cristián que se teña por tal debería entender e asumir: velaí a contradicción entre a infinita misericordia de Deus e os milagres ( ou favores que Deus concedería). Si, acotío pregámoslle a Deus para que nos manteña fóra do mal ( físico, material, espiritual ),  interpretando deste xeito a relación entre Deus e nós de maneira transaccional; vimos a dicirnos: se eu rezo e prego, se eu son un bon cristián que cumpre coa túa lei Señor, espero, en troques, que ti me protexas. Velaí unha maneira de enfocar a fe, e maila práctica relixiosa desta derivada, de xeito errado se non temos en conta un dos elementos centrais da súa esencia: a súa infinita misericordia,  o amor infinito e incondicional que profesa por cada un dos seus fillos por igual e sen diferencias. Porque entendamos, alguén que ama sen límite e a todos por igual non pode concederlles favores a uns ( repartirlles prebendas ) e non aos outros. Xa que logo, a maneira de pensarmos a Deus e a súa intervención na vida de noso e na historia da humanidade debe ser radicalmente diferente. Él está pero non intervén senón que soporta. Constatamos que o mal está presente na natureza e na sociedade, habendo mal natural colectivo (inundacións, terremotos,...), mal natural individual (eivas, doenzas, ...), mal social tamén individual e colectivo (violencia, guerras, crimes, ...) este último causado en xeral no exercicio da propia liberdade humana e o primeiro polos propios límites da realidade natural. Recollo aquí as palabras de Queiruga, no mencionado ensaio, verbo da peliaguda cuestión teolóxica exposta: "Xusto porque Deus nos quere e nos respecta, ten que soportar que aos seus fillos e fillas lles pase todo isto (¿ non o fan tamén o pai ou nai humana, que non queren afogar aos fillos cunha superprotección que non lles permitiría ser ?). Pero sopórtao connosco e contra o mal, animándonos, apoiándonos, envolvéndonos en sentido e esperanza". Só engadir, tamén alguén así é o Deus en que eu creo.

Ningún comentario: