marzo 17, 2015

A terra é rica, nós pobres II

Fago aquí refeita dunha entrada publicada hai uns anos. O título está tomado do primeiro poema -após limiar- do poemario  
Seraogna de Alfonso Pexegueiro . Como entradiña a ese poema Pexegueiro cita:

! Non veñades con frautas ou mulleres cando
o fastío se apoderou dun home !

É unha grande seca o que fai sufrir,
os mananciais do corpo foron entoñados
pola area e só unha treboada poderá liberalos 





Daquela, van aló uns nove anos, e a propósito da emigración / expulsión / exilio de noso, fixera este texto que agora refago e boto de novo a andar. 

Disque axiña virán os tempos de marchar. De xeito que todo cando agora estamos a facer, toda esta loita titánica de traballo a man que malla e serra madeira de sol a sol e día tras día, non vai impedir o que é inevitábel. Atrás quedarán os camiños percorridos, as calores e fríos que soportou o corpo e tamén os amores ostentados. Atrás o tempo adolescente e atrás esta fala de noso enxebre . Todo ficará atrás, a penas atesourado nun recuncho da memoria. Axiña, aínda que non o pensemos, aínda que non o desexemos nin o soñemos, axiña virán os tempos de marchar. Todo empurra nesa dirección. Aquí o único que temos é un anaco de terra e brazos. Nada e ninguén máis. Marcharemos, como xa levan feito centos, milleiros antes ca nós. Viviremos a ilusión de comezar de novo nalgún outro lugar, de gañar cartos e de progresar. Co pasar dos anos abordaranos unha estraña mágoa, unha dor de peito , un sentimento de perda irreversíbel por todo o tempo roubado, o tempo pasado fóra do lugar de noso, o amado, o natural lugar ao que pertencemos. E así, se cadra, chegaremos a vellos e non quedará tempo de máis. A penas, talvez algún para comprender que somos fillos dunha inxustiza que ninguén endexamais reparará.

(*) Cómpre dicir que non me emocionou saber que, segundo explican, Lundkvist mostrara fortes prexuízos contra a relixión católica utilizando a súa posición para bloquear repetidamente os intentos de outorgar o Premio Nobel de Literatura ao escritor católico Graham Greene. Tamén mostrou a súa oposición a que Borges recibira o devandito galardón, o que resultou decisivo para que o arxentino quedase finalmente sin o Nobel.