abril 26, 2007

Queipo: o libro como eco colectivo

A Xavier Queipo hai que, sobre todo, lelo. Porque é un dos bos escritores que ten a nosa literatura. Agora vén de facer unha achega no portal de cultura galega onde reflexiona sobre a lectura e o libro como eco colectivo: "Hai tempo que sei que os meus libros non os escribo eu só. Como refería Siddhart Dhanvant Shanghvi no seu capítulo de agradecementos, non é infrecuente que moitos escritores sintan un abraio especial ao reler os seus escritos. Senten así na propia pel o eco dos que os precederon e, se esa licenza é permitida, daqueles que os van continuar. Quizais por iso, algúns autores –se cadra sabios, se cadra non- néganse a reler os seus textos, con resultados empobrecedores para futuros traballos." Fermosa reflexión de Queipo que nos achega a dimensión metafísica do oficio de escribir. Comparto plenamente o que di Queipo, porque escribir é sempre un exercico de trascendencia: isto é, de recoller do noso pasado e presente para poñelo no futuro. Tamén así é a vida.


abril 17, 2007

¿Por que vagalumes e non cagalumes?


Escribiume un amigo de meu nacido aquí en Barcelona, e de familia catalana, que anda por Santiago estudando Filoloxía Galega - o que xa ben di que se trata dun "rara avis"- para falarme dos vagalumes. Segundo me conta na clase estiveron estes días a darlle voltas á palabra “vagalume”. Falouse, explícame, das moitas maneiras que hai na Galiza para referirse a este bechiño que ten lume no cú, nomes como “lucecú”, “lucencú”, etc. Coido, isto dígoo eu, que unha vez nun artigo Manuel Rivas dixera que estaban contabilizadas no galego ao redor de cen formas diferentes para referisse ao bechiño. Díxose, segue a explicar o meu amigo, que a palabra “vagalume”, a pesar de ser xeograficamente moi pouco extendida, foi a que triunfou no estándar e na literatura por mor da súa expresividade e beleza. E é que, de feito, é un eufemismo de “cagalume” , como se di en moitos sitios tamén, aínda que “vagalume” é como máis fino. Entón, dime el, lembrou do nome deste deste blog de meu: fun pensando no teu “invando vagalumes”! Engade despois o meu amigo que tamén hai un detalle moi curioso: en Portugal a palabra máis extendida era “cagalume”, ata que un día os lingüistas portugueses, e non é broma, decidiron chamarlle “pirilampo”!, así inventando o nome coa unión dos termos piros (lume) + lampei (levar), do grego, é dicir, aquel animal que leva o lume; é moi curioso o que dá de si un vagalume, non si?, remata o meu amigo. Entón pregúntame cómo lle chamamos en Ancares: na aldea de miña nai cando menos, contéstolle, e que eu lembre coido que é "vella de noite". Sen dúbida fiquei agradecido coa achega erudita, ao redor da palabra vagalume, que o meu amigo me mandou. Tanto así que decidín compartila convosco.